Illa de Arousa

Faro de Punta Cabalo.

A Illa de Arousa é preciosa. Na parte sur, o Parque Natural do Carreirón, cunha zona de marismas, unha infinidade de praias, coídos e penedíos, e unha poboación numerosa de garza real, pode percorrerse nun par de horas, indo sen presas.

No norte, o faro de Punta Cabalo e a súa contorna de inmensas masas graníticas son magníficos.

Dorna en Arousa.

A praia de Area da Secada, a carón do faro.

Cortegada

Santuario da Virxe de Cortegada.

Cortegada é menos extensa que Ons e Cíes. O itinerario da visita percorre a beira e inclúe un camiño transversal central que cruza a illa de este a oeste. Estivo habitada ata principios do XX, e daquela apenas tiña arborado. En cen anos medrou de xeito natural unha gran fraga de piñeiros, carballos e un bosque (ao parecer o máis grande de Europa) de loureiro. As vivendas abandonadas e derrubadas, comestas pola vexetación e as árbores, impresionan.

Marcas dos parques de marisqueo.

Ons

 

Corvos mariños, á saída de Bueu.

Chegamos a Ons sobre as sete da tarde do xoves. Ventaba moito. Hai luz eléctrica tres horas ao mediodía e de sete a dúas da noite.

Ons ten habitantes “reais”, xentes que viven alí todo o ano, que teñen as súas leiriñas, que saen a pescar, que van e veñen de Bueu… O que non lle fai perder nin un chisco de espectacularidade á súa natureza. Está moito menos arborada que Cíes, con piñeiros e algún pequeno bosque de acacias. Puidemos ver un gavión (un tipo de gaivota de gran tamaño), algún lagarto arnal (enooormes), corvos mariños… Dende o Burato do Inferno, unha furna cunha “cheminea” de arredor de 70 m. de fondo, as vistas son impresionantes.

Cruz no Buraco do Inferno.

Máis tarde, na praia de Melide, atópome co agasallo de nadar entre grupos de sargos, pintos e maragotas entre as algas, múxeles e grandes cardumes de alevíns, todos destemidos, pululando curiosos ao meu redor ou, simplemente, ignorándome.

 

O faro de Ons.

 

San Simón

San Simón (en realidade San Simón e San Antonio) é moi especial. A pegada do tempo outórgalle unha atmosfera que a leva ao límite da realidade. A intervención humana nas edificacións, nos peiraos, no embarcadoiro, na ponte… establece ese fío condutor co pasado que enche os espazos de resonancias das fonduras da historia. E non falo só dos tráxicos episodios que seguiron ao golpe de estado do 36, senón de ecos ben anteriores. Porque a historia de S. Simón e S. Antonio está documentada dende antes do s. X, e debería prolongarse cando menos outro tanto.

Ao contrario das indiscretas compañías de onte, hoxe envolvíanos o silencio calmo e acolledor.

Pesqueiro no porto de Cesantes.

Garza real.

 

Garza branca, en San Simón.

 

Illas Cíes

Primeira etapa do periplo. O tempo foi bo. Na subida ao faro das Cíes (o faro “grande”; hai outros tres máis pequenos), ían diante, como a 300 ou 400 m. tres mulleres. Unha delas ría constantemente con gargalladas desmesuradas que resoaban por toda a arboreda. Ríu todo o camiño, ríu no alto do faro, ríu o dia todo, ata última hora da tarde, cando estabamos no peirao a piques de marchar. As súas gargalladas semellaban os chíos estridentes dunha gaivota xigante. Supoño que era un xeito de obrigar a todo o mundo a ser consciente da súa existencia e da súa felicidade desbordada.

A variedade de paisaxes é abraiante, dos rochedos e as fragas da Illa de Monte Agudo, á contundencia inaccesible da de San Martiño, pasando polas praias e calas do este das tres illas, o lago tras da duna, ou os cantís da Illa do Faro.

As Cíes son, sobre todo, fogar de gaivotas e corvos mariños.

Gaivota nas Cíes

 

Corvo mariño.

Non é o faro de Trazo de xiz, nin eu son Raúl, pero case, non si?

Tomando notas, observado por un veciño curioso (Lucas?).

Illas / Islas

Gemma Sesar, de “El Patito”, editores ata o momento de “Stratos”, “De profundis”, “Os compañeiros da orde da Pedra” e “Trazo de xiz” en galego (e de “Ardalén” a partires de finais de outubro deste ano), propúxome este verán a realización dun libro con estrutura de caderno de viaxe sobre as illas galegas. O proxecto vaise poñer en marcha esta semana que entra. As illas grandes serán as primeiras: Cíes, Ons, Cortegada e San Simón. Logo, ao longo do ano (ata maio é a previsión), irei visitando as demais (o listado ainda non está pechado definitivamente). Do martes 11 ao domingo 16 subirei diariamente ao blog algún bosquexo e algún comentario.