Illas Cíes

Primeira etapa do periplo. O tempo foi bo.

Na subida ao faro das Cíes (o faro "grande"; hai outros tres máis pequenos), ían diante, como a 300 ou 400 m. tres mulleres. Unha delas ría constantemente con gargalladas desmesuradas que resoaban por toda a arboreda. Ríu todo o camiño, ríu no alto do faro, ríu o dia todo, ata última hora da tarde, cando estabamos no peirao a piques de marchar. As súas gargalladas semellaban os chíos estridentes dunha gaivota xigante. Supoño que era un xeito de obrigar a todo o mundo a ser consciente da súa existencia e da súa felicidade desbordada.

A variedade de paisaxes é abraiante, dos rochedos e as fragas da Illa de Monte Agudo, á contundencia inaccesible da de San Martiño, pasando polas praias e calas do este das tres illas, o lago tras da duna, ou os cantís da Illa do Faro. As Cíes son, sobre todo, fogar de gaivotas e corvos mariños.

Gaivota nas Cíes

 

Corvo mariño.

Non é o faro de Trazo de xiz, nin eu son Raúl, pero case, non si?

Tomando notas, observado por un veciño curioso (Lucas?).