Levaba 7 anos facendo banda deseñada, sempre con guións propios (fóra da breve colaboración primeiriza con Tino Fernández Maceiras en Os Compañeiros da Orde da Pedra), e cuestioneime se esta era unha opción persoal "pura" ou se, se cadra, enmascaraba unha incapacidade para contar con imaxes historias alleas. E decidín facer a proba.
Levaba escoitando Tris, tras, tres, un programa inclasificable da noite da mítica Radio 3 de finais dos 80, obra de Carlos Faraco e Fernando Luna, desde os meus tempos de estudante de arquitectura. Entre os contidos da emisión había unhas microguindas, pequenas historias, protagonizadas algunhas delas por Manuel Montano, detective pintoresco, e o seu grupo de amigos e coñecidos do mundo dos baixos fondos. Era xogar con vantaxe, porque sen decatarme, ao longo de todos aqueles anos fora construíndo na miña cabeza unha versión do personaxe e o seu mundo.
Unha noite, ás tres da madrugada, ao finalizar o programa, chamei por teléfono e propúxenlle a Fernando Luna, Nano, converter a Montano e os seus colegas en personaxes dun cómic. Foi unha colaboración divertida e fluída. O resultado foi este libro e unha amizade longa e entrañable.